Xa hai anos que sabía da discriminación que sufrían os estudantes xudeus para acceder ao Departamento de Matemáticas da Universidade de Moscú aló polos anos 70. Creo que foi lendo Amor e matemáticas, de Edward Frenkel onde descubrín tal circunstancia; máis tarde outras lecturas fixeron tamén referencias ao respecto.
Recentemente o estupendo blog Gaussianos mencionaba este tema e achegaba algúns dos problemas que se propoñían co gallo de dificultar a entrada de estudantes xudeus. Son os que acabaron sendo coñecidos coma Jewish problems ou Coffin problems.
Nesa entrada de Gaussianos apórtanse un par de enlaces interesantes: un artigo de Alexander Shen explicando esta historia de primeira man, e outro de Tanya Khovanova e Alexey Radul máis centrado nos problemas en si.
É dese último de onde tirei algúns enunciados que requiren construcións con regra e compás. Comezamos nesta entrada co problema 3 da listaxe aportada por Khovanova e Radul.
Dado un triángulo ABC, constrúe con regra e compás
un punto K sobre o lado AB e un punto M sobre o lado BC tales que:
AK=KM=MC
Ningún comentario:
Publicar un comentario