Amosando publicacións coa etiqueta heptágono. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta heptágono. Amosar todas as publicacións

domingo, 13 de xuño de 2021

Polígonos regulares construíbles con regra marcada

Neste mesmo blog xa falamos no seu día de cales son os polígonos regulares construíbles coas normas clásicas da regra e o compás. Recordemos o resultado ao respecto, que debemos a Gauss e a Pierre Wantzel:
 
Un polígono regular de n lados é construíble coas normas clásicas da regra e o
compás se e só se n pode descompoñerse en factores primos da forma:
$$n=2^r \cdot p_1 \cdot \dots \cdot p_k$$
, sendo r un enteiro non negativo e os factores $p_i$ primos de Fermat distintos entre si.
 
A día de hoxe, os únicos primos de Fermat coñecidos son 3, 5, 17, 257 e 65537. E recordemos que un primo de Fermat é un número primo da forma ${2}^{{2}^{n}}+1$. Son construíbles, pois, os polígonos regulares de 2, 3, 4, 5, 6, 8, 10, 12, 15, 16, 17... lados.

Ultimamente dedicamos varias entradas a construcións realizadas cunha regra marcada, que é simplemente unha regra con dúas marcas que indican a medida dunha unidade. Dese xeito é posible trasladar dita medida a calquera lugar, e así obtéñense elementos e construcións que doutro xeito non son posibles.
 
Resulta natural preguntarse que sucede con esta nova condición. Son todos os polígonos regulares construíbles se permitimos o uso da regra marcada? Acudimos ao teorema de Pierpont, que di:
 
Un polígono regular de n lados é construíble coa regra marcada se e só se n pode descompoñerse en factores primos da forma:
$$n=2^{a}\cdot 3^{b}\cdot p_1 \cdot \dots \cdot p_k$$
, sendo a, b enteiros non negativos e os factores $p_i$ primos de Pierpont distintos entre si.
 
As similitudes co resultado de Gauss-Wantzel e cos primos de Fermat son claras, e os primos de Pierpont son da forma $2^k\cdot 3^l+1$, constituíndo a sucesión 2, 3, 5, 7, 13, 17...

En consecuencia, polígonos regulares que non son construíbles coas normas clásicas da regra e o compás si o son coa regra marcada (algún xa pasou por este blog, de feito), coma os que teñen 7, 9, 13, 14, 18, 19... lados.
 
Isto deixa o endecágono, de 11 lados, como o polígono regular con menos lados que non aparece nin nunha listaxe nin na outra. Non é nin múltiplo de 2, nin de 3, nin un primo de Pierpont, e por tanto non sería construíble coa regra marcada.

Porén, no ano 2014 Elliot Benjamin e Chip Snyder demostraron a existencia dunha construción para o endecágono empregando a regra marcada e o compás. Segundo entendo, a chave do asunto reside en que o resultado de Pierpont asume que a regra marcada permite obter puntos como intersección de dúas rectas. Por outra banda, nas normas clásicas da regra e o compás permítese a intersección entre dúas rectas, unha recta e unha circunferencia ou ben dúas circunferencias, así que Benjamin e Snyder para a súa demostración optaron por permitir os casos de dúas rectas e mais dunha recta e unha circunferencia, usando para iso o termo regra marcada restrinxida. A diferenza está, pois, nas hipóteses de partida.

Relacionado con isto:

domingo, 2 de maio de 2021

Heptágono regular con regra marcada (II)

Tras un primeiro achegamento á construción do heptágono regular cunha regra marcada, nesta entrada retomamos o mesmo tema pero cambiamos de método. Se entón mostrabamos o de Crockett Johnson, hoxe traemos o de François Viète, publicado en 1593 no seu Supplementum Geometriae.

Accede á aplicación GeoGebra

Como observacións de interese, resulta que $OF=\frac{OB}{3}$, e sobre todo que o uso da regra marcada (no paso 11) é exactamente o método de Arquímedes para a obtención da trisección dun ángulo, con $\angle BHD=\frac{\angle BFD}{3}$.

Relacionado con isto:

domingo, 21 de marzo de 2021

Heptágono regular con regra marcada (I)

Xa temos explicado aquí cales de entre os polígonos regulares son construíbles con regra e compás e cales non. Basicamente, un polígono regular de n lados é construíble coas normas clásicas se e só se n pode descompoñerse da forma $n=2^r \cdot p_1 \cdot \dots \cdot p_k $, onde $r>0$ e os factores $p_t$ son primos de Fermat distintos entre si.

Ese resultado que debemos a Gauss e a Pierre Wantzel asegura que, por exemplo, até n = 10  son construíbles todos os polígonos regulares agás o heptágono (n = 7) e o eneágono (n = 9).

Porén, se ampiamos as restricións permitidas si podemos realizar construcións que doutro xeito non somos capaces. É o caso da regra marcada, que xa vimos mostrando nas últimas entradas. Pois ben, esta técnica posibilita a obtención do heptágono regular partindo dun lado dado.

Accede á aplicación GeoGebra

Esta construción debémoslla a Crockett Johnson, quen a publicou en 1975. Johnson non tivo unha formación formal en matemáticas, era máis ben un ilustrador, pero si tiña certa fascinación con esa ciencia, e acabou por crear máis de 100 cadros inspirados nas matemáticas.

Aquí pode verse a demostración de que o ángulo $\angle AIB$ mide $\frac{\pi}{7}$, que é a metade do ángulo central do heptágono regular. O uso da regra marcada aparece no paso 11, onde $HI$ se constrúe apoiando a regra no punto $A$ e con igual lonxitude que $AB$.

Relacionado con isto:

domingo, 1 de marzo de 2015

Heptágono aproximado sobre un lado dado

Pierre Wantzel demostrou a imposibilidade de construír algúns problemas xeométricos clásicos usando a regra e o compás. Entre eles, a construción dun polígono regular tal que o número de lados non sexa produto dunha potencia de dous e calquera número de Fermat (a existencia destes estaba probada con anterioridade por Gauss).


$\frac{\sqrt{3}}{2}$ foi usada como aproximación para o lado dun heptágono regular inscrito nun círculo unidade, cun ángulo central de 51,318...º no canto dos 51,428571...º do heptágono regular. É unha aproximación xa empregada por Herón de Alejandría en A Metrica e por Abu'l-Wafa no seu tratado para artesáns.








xoves, 26 de febreiro de 2015

Heptágono aproximado nun círculo (II)

Pierre Wantzel demostrou a imposibilidade de construír algúns problemas xeométricos clásicos usando a regra e o compás. Entre eles, a construción dun polígono regular tal que o número de lados non sexa produto dunha potencia de dous e calquera número de Fermat (a existencia destes estaba probada con anterioridade por Gauss).

$\frac{\sqrt{3}}{2}$ foi usada como aproximación para o lado dun heptágono regular inscrito nun círculo unidade, cun ángulo central de 51,318...º no canto dos 51,428571...º do heptágono regular. É unha aproximación xa empregada por Herón de Alejandría en A Metrica e por Abu'l-Wafa no seu tratado para artesáns.





Relacionado con isto:


luns, 23 de febreiro de 2015

Heptágono aproximado nun círculo (I)

Pierre Wantzel demostrou a imposibilidade de construír algúns problemas xeométricos clásicos usando a regra e o compás. Entre eles, a construción dun polígono regular tal que o número de lados non sexa produto dunha potencia de dous e calquera número de Fermat (a existencia destes estaba probada con anterioridade por Gauss).

Esta construción, que debemos a John Michell, define un lado para un heptágono regular cun ángulo central de 51,444...º no canto dos 51,428571...º do heptágono regular.