Amosando publicacións coa etiqueta duplicación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta duplicación. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de febreiro de 2021

Duplicación do cubo con regra marcada

Xa temos falado da imposibilidade da duplicación do cubo coas normas clásicas da regra e o compás. Resumindo, resulta que se $k$ é o lado do cubo dado e $x$ o lado do cubo duplicado, o que se quere é que $x^3=2k^3$, ou equivalentemente $x=\sqrt[3]{2}\cdot k$. E resulta que o número $\sqrt[3]{2}$ non é construíble con regra e compás, xa que o seu polinomio mínimo sobre o corpo dos racionais ten grao 3, e só son construíbles aqueles que teñen como grao unha potencia de 2.

Non obstante, dito número si é construíble se un bota man da regra marcada. Por se pillamos a alguén con despiste, baste recordar que unha regra marcada é, simplemente unha regra con dúas marcas que indican a medida dunha unidade. E co seu uso é posible trasladar dita medida a calquera lugar, obtendo elementos e construcións que doutro xeito non son posibles.

Obter $\sqrt[3]{2}$ mediante esta técnica é doado, e será o que permita duplicar o cubo e por tanto rematar co mito grego.

Accede á aplicación GeoGebra

Procedamos coa demostración, sacada de 100 Great Problems of Elementary Mathematics: Their Historiy and Solution, de Heinrich Dörrie.


Por simplicidade, renomeamos os segmentos $AB=k$, $CE=x$ e $BF=y$. Aplicando o teorema do coseno no triángulo $ACF$:

$$\begin{array}{c}(x+k)^2=k^2+(y+k)^2-2\cdot k\cdot (y+k)\cdot \cos 60^{\circ}\\ \\ (x+k)^2-k^2 = (y+k)^2-k\cdot (y+k)\\ \\ (x+k)^2-k^2 = (y+k)\cdot (y+k-k) \\ \\ (x+k)^2-k^2 = y\cdot (y+k)\\ \\ x^2+2kx+k^2-k^2 = y^2+ky\\ \\ x^2+2kx=y^2+ky \qquad (1)\end{array}$$ 

A continuación aplícase o teorema de Menelao ao triángulo $ACF$ coa recta $DBE$:

$$\dfrac{AB}{BF} \cdot \dfrac{FE}{EC} \cdot \dfrac{CA}{DA}=1 \quad \Rightarrow \quad \dfrac{k}{y} \cdot \dfrac{k}{x} \cdot \dfrac{2k}{k} = 1 \quad \Rightarrow \quad xy=2k^2 \qquad (2)$$ 

De (1) e (2) dedúcese que

$$\begin{array}{c}x^2+2kx = \left( \dfrac{2k^2}{x} \right)^2+k\cdot \dfrac{2k^2}{x}\\ \\ x^4+2kx^3=4k^4+2k^3x\\ \\ x^3\cdot (x+2k) = 2k^3\cdot (2k+x)\\ \\ x^3=2k^3\\ \\ x=\sqrt[3]{2}\cdot k \end{array}$$ 

E, como se quería concluír:

$$CE=\sqrt[3]{2}\cdot AB$$ 

Relacionado con isto:

luns, 11 de febreiro de 2019

Os tres problemas clásicos

Por influencia da escola pitagórica, os matemáticos da Antiga Grecia concedían gran importancia á xeometría. Dentro desta, gozaban de especial consideración as construcións con regra e compás, que seguían unhas normas determinadas. Entre ditas construcións houbo algunhas que se fixeron particularmente famosas. Son os tres problemas clásicos da xeometría da regra e o compás: a cuadratura do círculo, a duplicación do cubo e a trisección do ángulo.

A cuadratura do círculo consiste en construír un cadrado con igual área que un círculo dado. A duplicación do cubo achega a construción do lado dun cubo tal que o seu volume sexa o dobre doutro cubo de lado coñecido. A trisección do ángulo procura construír un ángulo que sexa xusto a terceira parte doutro ángulo dado. Todo iso con regra e compás, claro.

Dende aquel entón e até o século XIX a resolución destes tres problemas foi abordada en multitude de ocasións, arroxando sempre resultados insatisfactorios. E é que no fondo deste asunto reside a imposibilidade de lograr tales construcións. Durante todo ese tempo a gran maioría dos intentos buscaban atopar a construción que permitise resolver o problema, pero o que sucedía é simplemente que non existe tal cousa.


Ferdinand von Lindemann demostrou en 1882 que o número $\pi$ é trascendente, é dicir, non é solución de ningunha ecuación alxébrica con coeficientes enteiros. Disto pode deducirse que é imposible, dada una lonxitude unidade, construír con regra e compás unha lonxitude igual a $\pi$ ou a $\sqrt{\pi}$. 

Sendo $r$ a área do círculo e $l$ o lado do cadrado, sexan $\pi\cdot r^2$ a área do círculo e $l^2$ a área do cadrado. Para poder realizar a cuadratura do círculo sería necesario que $l^2=\pi\cdot r^2$, e por tanto que $l = r \cdot \sqrt{\pi}$. É dicir, o raio do círculo e o lado do cadrado serían proporcionais con razón $\sqrt{\pi}$. Pero este último valor é trascendente, e por tanto a cuadratrura do círculo non é resoluble con regra e compás.


Pierre Wantzel publicou en 1837 a imposibilidade da trisección do ángulo e da duplicación do cubo con regra e compás. Tamén publicou a construción dun polígono regular tal que o seu número de lados non sexa produto dunha potencia de dous e calquera número de Fermat (probou a necesidade de dita proposición; con anterioridade Gauss probara a suficiencia).

Sendo $a$ o lado do cubo dado, e $b$ o lado do cubo duplicado, para achar este queremos que o volumen sexa dobre, é dicir que $b^3=2a^3$, o cal implicaría que $b=a\cdot \sqrt[3]{2}$. Os lados de ambos os cubos serían proporcionais con razón $\sqrt[3]{2}$.

Temos que $\sqrt[3]{2}$ é un número alxébrico (é dicir, si é solución de algunha ecuación alxébrica con coeficientes enteiros), pero non pode obterse dos números enteiros por suma, resta, multiplicación, división e extracción de raíces cadradas, que son as únicas que poden facerse con regra e compás. Para un número construíble, o grao do seu polinomio mínimo debe ser unha potencia de 2. Porén, o polinomio mínimo de $\sqrt[3]{2}$ sobre o corpo dos números racionais é $x^3-2$, que é irredutible e ten grao 3. En consecuencia, non é posible duplicar o cubo.
 
Basicamente, o que fixo Wantzel foi traballar co que agora coñecemos coma 'corpos de extensión', e resulta que o corpo que se obtén engadindo $\sqrt[3]{2}$ aos números racionais ten orde 3. Os números que se poden construír con regra e compás son aqueles para os que se usan as operacións aritméticas e as raíces cadradas, nun proceso que se pode repetir pero que leva a extensións tales que o seu grao con respecto ao corpo de partida (os racionais neste caso) é necesariamente unha potencia de 2. E 3, obviamente, non é unha potencia de 2.


A imposibilidade da trisección do ángulo baséase nun argumento similar ao da duplicación do cubo, só que o número non construíble con regra e compás é un pouco máis complicado de obter. Consideremos un ángulo $A$, e a súa trisección consistiría en obter o ángulo $\frac{A}{3}$, e isto é equivalente a obter o seu seno ou o seu coseno.
 
$\cos A = \cos \left( \dfrac{2A}{3} + \dfrac{A}{3} \right) = \cos \dfrac{2A}{3}\cdot \cos \dfrac{A}{3} - \sin \dfrac{2A}{3}\cdot \sin \dfrac{A}{3} =$
$= \left( \cos^2 \dfrac{A}{3} - \sin^2 \dfrac{A}{3} \right) \cdot \cos \dfrac{A}{3} - \left( 2\cdot \sin \dfrac{A}{3} \cdot \cos \dfrac{A}{3}\right) \cdot \sin \dfrac{A}{3} =$ 
$= \cos^3 \dfrac{A}{3} - \sin^2 \dfrac{A}{3}\cdot \cos \dfrac{A}{3} - 2\cdot \sin^2 \dfrac{A}{3}\cdot \cos \dfrac{A}{3} =$ 
$= \cos^3 \dfrac{A}{3} - \left( 1-\cos^2 \dfrac{A}{3} \right) \cdot \cos \dfrac{A}{3} -2\cdot \left(  1-\cos^2 \dfrac{A}{3}\right)\cdot \cos \dfrac{A}{3} =$ 
$= \cos^3 \dfrac{A}{3} - \cos \dfrac{A}{3} + \cos^3 \dfrac{A}{3} - 2\cdot \cos \dfrac{A}{3} +2\cdot \cos^3 \dfrac{A}{3} =$ 
$= 4\cdot \cos^3 \dfrac{A}{3} - 3\cdot \cos \dfrac{A}{3}$

É dicir, que $x=\cos \frac{A}{3}$ debe satisfacer que $\cos A=4x^3-3x$, ou equivalentemente que $4x^3-3x-a=0$ onde $a=\cos A$. 
 
Tomando como exemplo o ángulo de 60º (a súa trisección sería o ángulo de 20º) tense o polinomio $8x^3-6x-1=0$, xa que $\cos 60^{\circ}=\frac{1}{2}$, que é un polinomio irredutible de grao 3 con coeficientes enteiros. Dito doutro modo, o corpo de extensión que se obtén ao engadir $x=\cos 20^{\circ}$ ten orde 3. Ao non ser unha potencia de 2, o $\cos 20^{\circ}$ non é construíble con regra e compás, e en consecuencia non se pode trisecar o ángulo de 60º.
 


Por último, quero constatar que, aínda que estes tres problemas son imposibles coas normas clásicas da regra e o compás, se eliminamos ditas esixencias si son resolubles mediante unha ampla gama de procedemientos xeométricos e alxébricos. Por exemplo, basta con que se permita utilizar unha regra con dúas marcas e un compás para que si sexa posible duplicar o cubo. Outro exemplo sería o uso de papiroflexia, método co que poderiamos construír sen problemas a trisección do ángulo.

Relacionado con todo isto: