xoves, 14 de maio de 2020

Bisecar un segmento usando só o compás (2)

Sempre estou á caza de construcións chulas para facer con GeoGebra e compartir no blog. Neste caso vou traer aquí unha que aparece no Amusements in Mathematics de Henry Ernest Dudeney. Trátase do problema 197, no cal formula unha cuestión con solución moi sinxeliña, como é achar o punto medio dun segmento, pero engadindo unha restrición. Cal? A de realizar a construción empregando tan só o compás e deixando a regra nun caixón. Non é precisamente a primeira construción de 'só compás' que aparece neste blog, baste comprobar a etiqueta correspondente.

Xa se compartiu no seu día a obtención dese punto medio de forma doada, cando buscabamos a recta perpendicular pasando polo punto medio do segmento. E de feito xa mostramos unha construción que permitía chegar ao punto medio do segmento empregando tan só o compás, baseada na inversión dun punto respecto a unha circunferencia.

A construción de hoxe dá unhas cantas voltas para chegar ao destino final, e o propio Dudeney admite que non é a solución máis sinxela. Pero pareceume interesante, e no camiño aparecen varios puntos de interese que tamén permitirían elaborar outras construcións de 'só compás'.


Relacionado con isto:

Ningún comentario:

Publicar un comentario